Sunday 28 de April de 2024

O Concello convoca a Comisión de Honras para aprobar as novas denominacións no rueiro municipal do barrio de Palavea


O Goberno de Inés Rey prevé recuperar 13 referencias nas rúas e espazos públicos do barrio, atendendo ao seu patrimonio toponímico e identitario, e seguindo unha liña de actuación xa executada no barrio de Xuxán

O Concello da Coruña vén de convocar a Comisión de Honras e Distincións (CHD) para o vindeiro día 7, na que prevé aprobar 13 novas referencias no rueiro municipal do barrio de Palavea. Trátase, na maioría dos casos, de topónimos tradicionais que recuperan os lugares asociados anteriormente ao barrio, un dos enclaves poboados máis antigos dos que se teñen constancia no territorio da Coruña, desde o século XV.

A través desta iniciativa, que dá continuidade a experiencias previas xa executadas en distritos como Xuxán, o Goberno de Inés Rey busca atender ás especificidades identitarias dos barrios da Coruña, “coidando o patrimonio toponímico do concello, e devolvendo á actualidade o nome tradicional de camiños e lugares, tal e como é a obriga das Administracións públicas en base á Lei de Patrimonio de Galicia”, apuntou a rexedora.

No caso de Palavea, a proposta céntrase na recuperación da toponimia e microtoponimia dos lugares que conforman o núcleo. “Falamos da toponimia maior no caso das aldeas, barrios e lugares habitados en Palavea, e de toponimia menor no referente aos nomes dos predios, leiras ou fontes”, precisou Inés Rey, “nomes que a miúdo persisten a través da tradición oral, pero que é preciso conservar no propio rueiro”.

Neste sentido, o Concello prevé delimitar no mapa de rúas e espazos públicos de Palavea ata 13 referencias que consisten, en primeiro lugar, na conservación da denominación de entidades poboacionais máis tradicionais, como é o caso do Río de Palavea, e incluir no rueiro, ademais, referencias ao Camiño da Cascoña, o Campo da Pena e o Monte Alfeirán, entre outras.

As 13 referencias ás que se prevé dar aceptación na Comisión de Honras e Distincións son as seguintes: rúa Palavea Vella; rúa do Curro de Eguas; rúa da Fontaíña; rúa do Laranxeiro; Camiño da Cascoña; rúa do Río de Palavea; Campo da Pena; rúa do Monte Alfeirán; rúa do Souto; rúa da Costa Vella; rúa do Raposo; rúa do Corbatín; e rúa das Vivendas de Santa Cristina.

O Goberno municipal agradece o traballo da asociación veciñal Os Nosos Lares para a recuperación da microtoponimia do barrio, así como as súas propostas e achegas para establecer os nomes do rueiro.